Rematou a “Festa do mar” 2008
Contan na Voz de Galicia que o Concello de Poio está xa a prepara-la novena edición da Festa do mar de Combarro, sen dúbida un dos eventos máis sobranceiros do verán poiense, ollando esta noticia viñéronme á cabeza diversas cuestións.
Ninguén dubida que a Festa do mar foi un grande acerto do Concello de Poio, o que xa non teño moi claro é no que se está a converter có paso do tempo, coido que rematará por ser unha festa máis para o turista que nos visita e non para os veciños que aqui estamos todo o ano. A masificación nunca é cousa boa e as infraestructuras deficitarias dan boa fe delo, ao grave problema do tráfico e do estacionamento únese a intención do concello de dar cabida a máis e máis comensais cada ano na mostra gastronómica, e ao meu parecer isto rematará por engullir á propia festa do mar e rematará morrendo de éxito. O concello debe primar por enriba de todo o plano cultural da festa e darlle a importancia que se merece aos encontros de embarcacións tradicionais (este ano houbo pesenza na Bretaña) e á feira de mostras por riba da vertente gastronomica do evento, ésa ben sabemos todos que non a teñen que potenciar, porque para unha boa papadela sempre estamos dispostos e a pouco que o publiciten xa nos apuntamos.
O tema dos concertos foi case un éxito ao 100%, e fala alguén que este ano non puido estar presente, pero segundo me contaron o Combo dominicano non enganchou á xente e mellor era algunha boa orquestra galega, que sempre ten moito tirón e xogas sobre seguro, os que tampouco ficaron demasiado contentos son a xente de Vides Novas, a agrupación folclórica de Poio, ou alomenos é o que puiden entresacar no seu blogue.
O dito, agardemos que para o ano estuden ben o tema e preparen (como semella están a facer) a festa con tempo dabondo para que sexa todo un éxito de novo, agardemos tamén que teñan ben contenta á xente de Cespa para que non aconteza o deste ano.
